Poes/IA: poesía e Intelixencia Artifical
Sobre os textos
O proxecto PHIRGAL sobre “Interseccións posthumanas nas literaturas galega e irlandesa” e o Grupo “Discurso e Identidade” fixeron, con data do 1 de marzo de 2024, unha chamada de poemas que explorasen a relación entre poesía e intelixencia artificial.
Con esta chamada quixemos indagar no potencial das novas textualidades, explorar as posibilidades creativas da IA, contribuír ao debate IA vs. autoría humana e promover a reflexión sobre os límites do humano no marco dos debates actuais sobre posthumanismo.
As aproximacións dos poemas seleccionados á relación ente poesía e intelixencia artificial son, como cabía esperar, moi diversas e abranguen tanto as olladas críticas como as lúdicas e as instrumentais, cun certo predominio das primeiras. Preocúpase esta poesía pola configuración acrítica dun “deus moderno” (Rebeca Baceiredo) tecnolóxico que, proclamando arteiramente a liberdade, busca manter o pobo na ignorancia para así dominalo mellor, ao tempo que vai afastando o humano da súa dimensión natural. Dubídase tamén da capacidade da IA para comunicar emocións que se poidan aceptar como verdadeiras e nacidas dun ser sentinte: “Non será o database o que acumule a intensidade da dor nefasta” (Yolanda López López). Adoita así mesmo aflorar o desacougo perante unha contumaz alienación á vez que se reivindica a forza creativa da poesía “onde o humano non busca danar nin maltratar” (Brais Vidal Pazó) fronte aos efectos perversos das tecnoloxías sobre o medio natural.
Podemos observar nestes poemas unha coidada atención a aspectos formais: estrofas, rimas, efectos de espazado, disposición efectista dos versos, usos non convencionais da puntuación, etc. O uso da rima, en concreto, fai que nos preguntemos se o tema e ferramenta da IA estimulan a volta a recursos formais menos frecuentes na práctica poética actual. Incorpóranse vocábulos das novas tecnoloxías e os xogos léxicos acentúan a irrealidade da “realidade virtual”: “mais ti es por alusión / a súa ilusión” (David Lea). Unha aproximación abertamente lúdica é a expresada no paratexto do poema de Mario Regueira, onde expón o xogo establecido co ChatGPT para unha re-escritura da poesía épica clásica. Trátase dunha achega destemida e consciente das difusas barreiras entre o humano e o posthumano.
Podemos preguntarnos se a IA ten incorporada a conciencia de xénero ou como a manifesta, ao que algúns destes versos responden, desde unha posición abertamente feminina e feminista, cunha reivindicación da corporeidade e falibilidade da identidade humana: “erro eu, muller / humana” (Marta Dacosta). Para as voces excluídas, ata tempos recentes de máis, da posición de autoría, a idea de perdela por mor da IA produce unha fonda preocupación: “Costureira do meu destino / non concibo tecer / con intelixencia artificial” (Claudia Castro). O recurso aos imaxinarios de labores domésticos e ás autoras predecesoras evidencia a continuada loita contra a tradición literaria patriarcal.
A imperiosa realidade dos tráxicos conflitos internacionais ábrese paso entre outras consideracións que poderiamos considerar máis abstractas, como ocorre no poema “Palestina intelixentemente artificial” (Moncho Iglesias Míguez) que dá pé a que nos preguntemos sobre as capacidades da IA para responder, desde a súa limitada información sobre a actualidade mundial e os recursos poéticos, ao horror dos crimes contra a humanidade.
A continuación presentamos, por orde alfabética dos apelidos, os oito textos seleccionados. Todos os dereitos de autoría e reprodución pertencen aos autores e ás autoras dos mesmos. Agradecemos a súa autorización para reproducilos na web IRGAL http://irgal.es/
Esta foi unha actividade de transferencia do proxecto I+D+i “Interseccións post-humanas nas literaturas irlandesa e galega” PID2022-136251NB-I00, financiado por MICIU/ AEI/10.13039/501100011033/ e “FEDER Unha maneira de facer Europa”, xunto co Grupo “Discurso e Identidade” (ED431C2023/15, Xunta de Galicia) para tender pontes entre a investigación universitaria e o ámbito social e cultural no que está inserida.
Comité organizador da chamada de Poes/IA: Manuela Palacios, María Xesús Nogueira Pereira, Jorge Rodríguez Durán.
*click nas imaxes para ampliar*